La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O señor ese do que falei onte aquí, cando contei o que me sucedera por culpa dunha cámara antiga, miroume, como dixen, con cara de noxo. Só vin un rostro igual hai anos, nunha tenda de Vigo, unha vez que fun mercar un cinto. Quixo a casualidade que nada máis entrar, unha señora que se atopaba comprando un bolso se dirixise a min en ton amable, confesándome ser lectora diaria destas miudezas das que falo aquí. Intercambiamos unhas palabras e logo proseguimos cada un ao noso negocio: ela a ver o bolso; eu a adquirir o cinto que necesitaba.

O dono da tenda, un tipo finísimo, vestido de luxo, como se estivese nunha recepción real, trouxo varias mostras, todas moi bonitas. Nada máis velas, xa supuxen que o prezo debía ser tamén de órdago. Efectivamente, ao preguntalo confirmáronse as miñas sospeitas, de maneira que quixen saber se non habería algo máis económico.

O home, recollendo os cintos como se tivese medo de que llos manchase, dixo: “Aquí sólo disponemos de primeras marcas, caballero”. Deume as costas e fixo un xesto altivo, como indignado por ter que tratar con xentuza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de setembro de 2000.