La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei que sería de sor Pilar, a monxa fanciscana que de neno me levaba a facer visitas ao sagrario, na igrexa de Beiro, e non se enfadaba comigo cando me daba a risa, que me daba case sempre. Limitábase a mirarme con ollos doces de boa persoa e a facer un xestos cos labios, como indicándome que tivese un pouco máis de xuízo na casa de Deus. Con ela aprendín que as cousas da relixión non debían ser dramáticas. Despois, por extensión, sucedeume o mesmo co restos dos ideais e das crenzas, incluídas as políticas.

Hai xente que pensa exactamente ao revés. Escoitei hoxe na radio un idividuo que dixo, falando da novelista esa que queren matar, que el mesmo estaría disposto a facelo coas pro- pias mans. Segundo explicou, trátase dun mandato que lle impón a fe que profesa a todo crente que aspire a ser un bo musulmán.

Prefiro os frouxos de corazón, mesmo os cínicos, antes que este tipo de xente iluminada. O mesmo Tolstoi, que sendo un gran novelista era tamén un home de conviccións, dixo unha vez que se alguén lle preguntase por un enderezo e soubese que da súa resposta se ía derivar o asasinato dun ser humano, aínda así sería incapaz de contar unha mentira. Á parte da estupidez do exemplo e da escasa sinceridade que encerra, a min paréceme que un mentirán sería, polo menos neste caso, bastante máis decente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de agosto de1994.