La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo ano 1982, cando estiven invitado na Unión Soviética, en pleno réxime comunista, alguén me traduciu uns carteliños que figuraban no parabrisas dalgúns camións e que dicían que con Stalin non había tanta delincuencia. A verdade é que eu me dediquei a pasear por Moscova, moitas veces de madrugada, e nunca tiven conciencia de que correse ningún perigo. Non obstante, coñecín persoas que me aseguraban que a inseguridade era cada vez maior e que sentían medo se por algún motivo tiñan que saír de noite.

Cóntame agora Miguel Viqueira, profesor e novelista español residente en Lisboa, que ese mesmo temor estase estendendo tamén naquela cidade, tan segura ata hai pouco como o Moscova que eu coñecín. Despois de todo, entre o Portugal de Salazar e a Unión Soviética de Stalin debía haber algunhas semellanzas.

Segundo me ten referido este amigo, o outro día presentouse nunha comisaría lisboeta un señor para denunciar que fora atracado na rúa por un tipo mal encarado que lle quitara a carteira. Media hora máis tarde, un señor de aspecto agradable e pacífico entregaba a carteira desaparecida e declaraba sorprendido que lle pedira lume a un home que se cruzou no seu caminiño e que este, sen mediar palabra, absolutamente aterrorizado, sacou unha billeteira do peto interior da chaqueta, entregoulla e saíu correndo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xullo de 1994.