La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, un día escoiteille unha conferencia ao doutor Cabaleiro Goás, eminente psiquiatra de Ourense, que aquela tarde falaba sobre os efectos da emigración nos nenos. O asunto non me era descoñecido, pois na miña casa vivía unha nena pequeniña e preciosa, filla dunha señora que traballou cos meus país durante moitos anos e que un día decidiu xuntarse co seu home, que daquela residía en Cambridge. A rapaciña andaba sempre agarrada ás saias da miña nai, como se o mundo fose puro terror.

Na súa conferencia, o doutor Cabaleiro puxo moitos exemplos dos estragos que a emigración estaba causando: depresións, inadaptacións, neuroses… De todos os casos que citou, houbo un que me quedou para sempre na memoria. Foi a historia dun neno que lle dixo a outro: “Se me queres, douche unha peseta*”.

Onte mesmo lin neste periódico que un individuo lle pediu a outro medio millón de pesetas** por non matalo. Antes, para que se vise que a ameaza non era unha broma, xa lle pegara un tiro de raspallón nun ombreiro. Non sei de que maneira acabou o incidente. O que importa é comprobar o pouco que vale unha persoa: menos que un cabalo ou que un coche, quizais o equivalente ao salario dun executivo de pouca importancia. Non debe resultar sorprendente. A sorpresa está en que un cacho de amor valla só unha peseta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3  de xullo de 1996.

 

(*) Ben podía ser hoxe 1 euro (n. d. e.)

(**) Algo menos de 4.500 €, axustada a inflación.