La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como dixen onte, o tempo aquí en Estocolmo é magnífico: unha combinación ideal de sol e brisa que permite gozar dos praceres do verán sen pasar necesariamente polo inferno. Iso déixanos pasear e ver a cidade con calma, unha actividade que nunca defrauda, sobre todo porque se trata dunha das urbes máis fermosas de Europa. Quen chega a ela por primeira vez queda sorprendido, en primeiro lugar, da súa riqueza monumental. Despois chámalle a atención a configuración urbana dunha aglomeración asentada sobre máis de vinte mil illas, unidas entre si por pontes e túneles. Por último, todo o mundo se sorprende da calma que se respira na rúa.

Un pode viaxar polo continente dun lado a outro sen notar demasiados contrastes, como ocorre cando se pasa de España a Francia, ou de Francia a Alemaña. Coas diferenzas inevitables, especialmente no que respecta ao nivel de vida, a sensación que se ten desa experiencia é a de que, máis ou menos, os países de Europa teñen moitísimas cousas en común. Con Suecia non é o mesmo.

Esta é unha terra na que é posible paralizar a construción dun aparcadoiro subterráneo, como sucedeu hai anos nos baixos do Parlamento, porque se atoparon restos arqueolóxicos, o cal levou ás autoridades locais a substituír o proxecto inicial por un museo. Estocolmo debe ser tamén, supoño eu, a única cidade do mundo onde se pesca no centro, debaixo de calquera das pontes, nunhas augas absolutamente limpas. Tamén é unha cidade onde alguna xente acaricia as árbores. Acaríciaas coma se fosen seres humanos, é dicir, rapazas fermosas de pel de seda; ou rapaces, claro, pero cunha pel un pouco máis brava.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1999.