La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O automóbil máis bonito do mundo vino eu en Xinzo de Limia, alá polos anos cincuenta. Pertencía a un emigrante da vila en vacacións, retornado do Brasil, onde era propietario dun banco e non sei cantas riquezas máis. Acendía as luces cando se abrían as portas e deixaba apampanados a rapaces e maiores, que en cuestión de coches nunca viramos nada semellante. Non recordo a marca, pero era daquela clase retórica e ampulosa que a xente chamaba, nunca souben por que, haigas. Foi o acontecemento do verán.

O coche quedou destrozado pouco despois, cando dous mozotes, un deles parente do propietario, subiron con el por unha árbore da recta de Sandiás. De resultas daquel accidente desgraciado, morreu o Nolico, que era o perruqueiro que me cortaba o pelo e que ademais era tamén o pai dun compañeiro meu da escola.

Desde entón, os coches raramente me chaman a atención pola súa beleza, aínda que recoñezo que os hai moi fermosos, tanto antigos como modernos. Por exemplo, ese Buick que se acaba de subastar en Londres e que foi usado por Humphrey Bogart na película Casablanca. Se fose coleccionista, eu preferiría mellor a pamela de Ingrid Bergman, que leva posta cando di: “Non nos coñeciamos cando nos amabamos en París”. Xa sei que entre un coche e unha pamela hai diferenza; pero falo de cousas do corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xullo de 1995.