La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte comín cunha amiga, profesora nunha universidade americana, que durante o xantar me estivo falando con graza e intelixencia dalgúns aspectos pouco coñecidos da vida naquel país.  Por exemplo, da desgraza de ter un dente feo. Esa circunstancia, que aquí non pasa de ser un insignificante problema estético, pode converterse alí nun grave inconveniente existencial. Unha persoa cunha dentadura pouco coidada non ten demasiadas probabilidades de pasar con éxito unha entrevista para conseguir traballo.

Nesa clase de probas, todos os candidatos saben que son decisivos os primeiros trinta segundos, unha fracción de tempo insignificante que pode condicionar toda unha vida. Así o  aseguran, parece que con bastante fundamento, os manuais que entenden destas cousas. Naturalmente, eses libros son consultados como axuda e son moitas as persoas que seguen as recomendacións que ofrecen.

Parece que está demostrado que unha man fría, inocentemente entregada no momento do saúdo inicial, pode converterse nunha proba en contra definitiva: trátase dun signo inequívoco de nerviosismo e inseguridade. O remedio consiste en lavar as mans uns momentos antes para activar a circulación e secalas ben para encubrir a trampa. Resulta incomprensible que nun país onde as leis protexen ata extremos case cómicos os dereitos das minorías, aínda non se lle ocorrese a ninguén reivindicar os dereitos dos inseguros e dos feos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xuño de 1993.