La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A última vez que estiven en Nova York vin un grupo de persoas reclamando con pancartas a pena de morte. Non é que pedisen a súa implantación, que xa quedou aprobada despois das últimas eleccións, senón que querían que se aplicase xa. Un dos manifestantes era un tipo inmensamente gordo, deses gordos de circo que só se ven en América, e non tiña cara de ser  moi intelixente, pero tampouco parecía un tipo ruín. Quíxome entregar un papel que non lle aceptei e devolveume un sorriso aberto, simpático.

Xa teño dito aquí moitas veces que a maldade non sempre ten un rostro repulsivo. Non sei que motivos moverían a aquel señor a reclamar o funcionamento inmediato da cadeira eléctrica: algunha mala experiencia persoal co crime, a influencia dalgún amigo ou simplemente calquera cabezonada ideolóxica.

Empuxado por eles, en Nova York o alcalde anda buscando unha vítima. Supoño que non tardará en atopala. Aposto que será un negro, fillo dunha familia miserable, nacido nun dos barrios terribles do norte de Manhattan, atrapado pola heroína, quizais mala persoa. O día en que o maten, probablemente librarán ao mundo dun canalla, talvez dun infeliz ou un desgraciado, pero gustaríame saber se co triunfo dos sentimentos destas persoas  tan amantes da xustiza o mundo vai ser un pouco mellor. Estou seguro de que non.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xuño de 1996.