La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O señor Tabao

Falando de Beiro, acórdome hoxe do señor Ramón Tabao, de quen eu pensei moi mal durante algún tempo, pois escoitara dicir que non era bo e que nunca fora á misa. Tiña ademais un aspecto raro, que contribuía a reforzar a idea de que algunha relación debía manter co demo: era pequeno e andaba medio encollido. Un primo meu, imaxinativo e asustado, contoume que unha vez sorprendera aquel vello ao pasar por diante da igrexa parroquial e que lle vira facer a puñeta contra Deus Noso Señor.

O señor Tabao pasaba por ser home con lecturas, sobre todo en materia de relixión. Aínda recordo o medo que collín o día que lle escoitei dicir no forno, mentres eu agardaba por unhas patacas que me estaban asando, que el, cando morrera, quería ir ao inferno. Pareceume un bárbaro, moito peor do que me contaran.

Unha tarde, xogando no cruceiro, ao velo … Seguir leyendo

Atravesar os tabiques

Estou seguro de que non hai ninguén que non soñase algunha vez, polo menos na súa infancia, coa posibilidade de atravesar as paredes sen rompelas. Mesmo hai nenos que ás veces pechan os ollos, enfilan o muro dun cuarto e avanzan a cegas cara a el coa esperanza de converterse en fantasmas e aparecer enteiros e sans do outro lado. É un soño tan vello como a humanidade, igual que voar a corpo limpo, sen artiluxios mecánicos nin aparatos, ou converterse nun ser transparente como o aire.

Voar xa voamos, aínda que os científicos non descubriron o líquido milagroso que nos permita volvernos invisibles. Atravesar as paredes tampouco está ao noso alcance, pero é xa unha realidade para algunhas partículas atómicas, segundo demostra a física cuántica, esa parte da ciencia que cada vez se parece máis á poesía. Un español acaba de dar un importante paso adiante neste campo.

Que … Seguir leyendo

Temor

Onte pola tarde estivo na casa o carpinteiro para tomar as medidas dun par de cousas que hai que facer. Como é home de boa prosa, liámonos a falar durante horas, saltando de tema en tema, desde o mel, que cultiva, ata a experiencia que adquiriu en varios países de América do Sur, cando traballaba para as embaixadas dos Estados Unidos en asuntos de axuda. Cre na xustiza e na solidariedade, pero non emprega apenas esas palabras. El fala do mesmo, pero dunha maneira moito máis sinxela, como un mozo que se tira ao río para salvar a alguén que se está afogando e non sabe que iso se chama heroísmo ata que sae nos periódicos.

Nun momento, amoseille o gato Samuel, que xa dixen que anda malo, cun tratamento forte a base de inxeccións. Estaba deitado, con ese corpo de alma arruinada que se lle puxo desde que enfermou, … Seguir leyendo

Recordo dun profesor

Tiven un profesor de latín no bacharelato que me intrigaba, en parte porque eu intuía que fora ferido fondamente na época da vida en que agroman as ilusións, pero sen que el me permitirse asomarme a esa zona escura da súa alma. O rostro enrugado e os ollos tristes, máis propios dun ser melancólico que amargado, eran para min a única proba dunha sospeita que non podía confirmar. Falei moitas veces a soas con el, pero nunca conseguín traspasar aquela barreira, unha muralla que eu supuña feita de pudor e dignidade.

Onte ceei na Coruña cun fillo do meu antigo profesor. Nas moitas horas que pasamos xuntos, de maneira natural, a conversa foi derivando cara a aquel enigma da miña adolescencia. Decateime de que tamén o fora para el, ata que o resolveu, xa morto o pai, coa axuda de papeis e cartas, con preguntas feitas a outros familiares.

Como … Seguir leyendo

Por un porco

Ás veces, sen que se saiba por que, póñense en circulación noticias fantásticas que moitos aseguran ter vivido ou presenciado persoalmente, pero que tempos despois, cando se acaba  demostrando que son falsas, ao seren desmentidas, ninguén o quere aceptar. Nos meus anos de bacharelato circulou profusamente a especie dun guateque, que uns situaban nunha cidade galega e outros noutra, pero que en ambas versións coincidía o feito de que unhas mociñas de boas familias acabaran embarazadas por uns futbolistas que lles botaran substancias afrodisíacas na bebida, parece que en doses de cabalo. A noticia era unha simple mentira.

Ignoro se pertencía á mesma categoría outro rumor que se estendeu por España adiante hai cousa duns dez anos e que aseguraba que un motorista que pilotaba unha moto de gran cilindrada, circulando a máis de douscentos quilómetros por hora, atopouse  de fronte cunha pomba que lle bateu no peito e que … Seguir leyendo