La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga miña que é negra, cando veu a España para facer a súa tese de doutoramento sobre unhas neuronas raras, das que non se sabía moito máis que consumían unhas cantidades altísimas de glicosa, un día quedou bastante sorprendida de que o xefe do departamento onde traballaba, ao entrar no despacho dixese: “Isto parece unha merenda de negros”. Como ela era a única persoa desa condición entre todas cantas se atopaban presentes, emendouno: “Mais ben será unha merenda de brancos”. Tiña toda a razón, aínda que non se trata tampouco de ningunha muller susceptible, senón todo o contrario, e cun gran sentido do humor.

Falando con esta amiga abertamente dos problemas raciais dos negros, un decátase da cantidade enorme de expresións que usamos a diario e que aínda sendo ditas sen intención ofensiva, non lles resultan agradables, nin sequera no caso dunha rapaza como esta, que chama a atención pola beleza resultante de ser filla dun negro e unha hindú.

Onte, repasando algunhas desas frases, saíron varias, do tipo “traballar como un negro”, “verse negro para facer unha cousa”, “estar negro”, “ser un individuo negroide” e outras semellantes. Logo pasamos a recordar aquelas que afectan a outras xentes, non só aos negros, e atopamos “xitanada”, “xitanería” e mesmo “galegada”, palabra pouco amable que aínda hoxe se emprega en Portugal. Non é fácil desprenderse delas. A min sucedeume unha vez, nunha entrevista en televisión utilicei o termo “xudiada”. No momento de dicilo, xa me decatei de que metera a pata. E iso que aínda non me dixeran, como dixeron máis tarde, ao saír do estudio, que o entrevistador era xudeu.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de maio de 2000.