La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou seguro de que non hai ninguén que non soñase algunha vez, polo menos na súa infancia, coa posibilidade de atravesar as paredes sen rompelas. Mesmo hai nenos que ás veces pechan os ollos, enfilan o muro dun cuarto e avanzan a cegas cara a el coa esperanza de converterse en fantasmas e aparecer enteiros e sans do outro lado. É un soño tan vello como a humanidade, igual que voar a corpo limpo, sen artiluxios mecánicos nin aparatos, ou converterse nun ser transparente como o aire.

Voar xa voamos, aínda que os científicos non descubriron o líquido milagroso que nos permita volvernos invisibles. Atravesar as paredes tampouco está ao noso alcance, pero é xa unha realidade para algunhas partículas atómicas, segundo demostra a física cuántica, esa parte da ciencia que cada vez se parece máis á poesía. Un español acaba de dar un importante paso adiante neste campo.

Que a xente puidese atravesar algún día as paredes sen tiralas tería algunhas vantaxes, pero moitos inconvenientes. Non sería difícil imaxinar, por exemplo, o rebumbio en que se podería converter unha campaña electoral, con miles de individuos desbocados irrompendo primeiro nos despachos dos partidos a revolver nos papeis e logo nos estudios de televisión a tortazo limpo cos candidatos máis hipócritas. De momento están moi ben os tabiques. Pérdese en transparencia, pero gáñase en seguridade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de maio de 1993.