La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ás veces, sen que se saiba por que, póñense en circulación noticias fantásticas que moitos aseguran ter vivido ou presenciado persoalmente, pero que tempos despois, cando se acaba  demostrando que son falsas, ao seren desmentidas, ninguén o quere aceptar. Nos meus anos de bacharelato circulou profusamente a especie dun guateque, que uns situaban nunha cidade galega e outros noutra, pero que en ambas versións coincidía o feito de que unhas mociñas de boas familias acabaran embarazadas por uns futbolistas que lles botaran substancias afrodisíacas na bebida, parece que en doses de cabalo. A noticia era unha simple mentira.

Ignoro se pertencía á mesma categoría outro rumor que se estendeu por España adiante hai cousa duns dez anos e que aseguraba que un motorista que pilotaba unha moto de gran cilindrada, circulando a máis de douscentos quilómetros por hora, atopouse  de fronte cunha pomba que lle bateu no peito e que lle fixo unburaco do tamaño do mundo. Eu escoitei varias versións, probablemente falsas.

O que si é absolutamente certo é o que lle ocorreu a un amigo duns amigos meus, que paseando de turista por Venecia, padeceu unha morte que resulta inimaxinable, tanto polo feito en si como polo marco no que sucedeu, unha das cidades máis románticas do  mundo, onde un imaxina que ata a propia realidade da morte debería quedar ennobrecida por un entorno tan literario, tan estético e tan fermoso. Neste caso, lamentablemente, non foi así. O señor do que falo pereceu por culpa dun porco que lle caeu na cabeza desde o alto dun balcón. Podía ser unha morte excelente para Groucho Marx, pero moi inxusta para unha persoa normal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de maio de 1999.