La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, antes de saír para Zürich, atopei en Madrid unha amiga que me deu unha noticia agradable e curiosa: unha veciña súa, en Ferrol, ten un gato ao cal lle puxo de nome Tomás, en recordo do noso, que tamén se chamaba así e que desapareceu en circunstancias tráxicas, tal como contei aquí no seu día. Naturalmente, a información produciume alegría e tristeza, como resulta fácil de entender, e desde entón non deixei de pensar no asunto, incluída esta fin de semana que pasei en Suíza, tan cheo de frenética actividade.

Ao final, penso que lle debo dar as grazas a esta señora, non de parte miña, senón de Tomás, que xa non está neste mundo. Direille como era, por se lle serve de algo á hora de educar o seu gato. Ante todo era boa xente, pero tiña tamén unha intelixencia bastante preclara, polo menos se falamos en termos relacionados coa súa especie.

A intelixencia, non obstante, non sempre a empregou para ben. Con frecuencia, valeuse dela contra os paxaros, non por necesidade, que non habería nada que dicir, pois tamén nós  comemos polos e vacas, senón polo pracer de cazar. Non digo que fora a súa unha conduta censurable, pero si controvertida, que a min, persoalmente, non me gustaba. Iso non impediu que lle quixese moito. Sucédeme o mesmo con algúns amigos e parentes cazadores: á xente hai que tomala como é. Sempre que sexa decente, claro está.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de maio de 1997.