La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No recital de homenaxe a Raimon que se celebrou en Barcelona o venres pasado, o cantante Paco Ibáñez estivo tacaño, incluso mesquiño. Preferiu buscar a complicidade emotiva do público antes que ser xeneroso cos políticos que asistían ao acto, todos eles militantes antigos da dura loita que alí se conmemoraba. Botarlles a asistencia por riba, como quen lles tira unha pedra, non resultaba difícil; abondaba con buscar un par de frases de efecto, revolver nos sentimentos máis fáciles da xente e agardar primeiro os asubíos, despois os aplausos.

Foi o que fixo. Non será ese, desde logo, un episodio para ser recordado como momento glorioso nunha biografía na que sobran anos de gloria. Daba pena ver como o ídolo doutra época, loitador valente dunha causa que requiría ter corazón aberto e ben temperado, se comportaba de maneira tan rácana, compracido cun triunfo que non requiría máis que manipular habilmente unha multitude favorable.

Para que a intervención do cantante fose aínda máis desafortunada, cando presentou a Pete Seeger cometeu a indelicadeza de dicir que este tiña a desgraza de vivir nun país que se chama Estados Unidos. Unha tontería grande como unha catedral. Non se sabe cal é o patrón do cal se pode valer un cantante valenciano para medir a ventura ou a desventura de vivir en calquera parte do Globo. Desde logo, polo que respecta ao nivel de vida ou ás dispoñibilidades culturais, por exemplo, os Estados Unidos non están mal. Incluso están bastante ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de abril de 1993.