La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A historia do bispo italiano que lle deu dunha puñada a un cura, do que falamos onte aquí, aínda non rematou. Como dixemos, a cousa está no xulgado, pero tamén nos periódicos, pois dáse a circunstancia de que, ademais da rareza do caso, un dos protagonistas do suceso, concretamente monseñor Grilo, é o mesmo que se fixo famoso hai anos coa imaxe dunha Virxe milagrosa que lle chorou nas mans. É dicir, que se trata dun home especial, cunha vinculación moi directa co ceo, quizais incluso un verdadeiro santo.

De momento, as versións de ambas as dúas partes non coinciden e son contraditorias: cada un dos actores do drama asegura que el foi o agredido e non o agresor. É certo que o cura presenta como proba un nariz inflado como un repolo e que o prelado, en cambio, non ten marcas de agresión física no seu corpo.

Agora, o xuíz terá que averiguar o que realmente sucedeu no interior do despacho episcopal, pois non hai testemuñas. Será a versión dun contra a versión do outro, palabra contra palabra, o cal non vai facilitar a tarefa do xulgador. Hai que admitir, ademais, que tratándose de persoas sometidas ás leis e ás normas do evanxeo, queda excluído que mintan. Polo tanto, o único que podería resolver o problema sería Deus en persoa, que El si sabe o que pasou. Un xuíz audaz non debería excluír chamalo a declarar como testemuña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de abril de 1997.