La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven escoitando na televisión un grupo de rapaces e rapazas que durante dous anos viviron cuns anxos. Todo ese tempo pasárono, segundo eles mesmos contaron diante das cámaras, escribindo un libro ao ditado. Non parece un prazo demasiado longo, se temos en conta que se trataba dunha obra de máis de dúas mil páxinas, probablemente escritas a man, pois un non pode imaxinar unha criatura celestial, espírito puro, ditando uns folios a unha secretaria para que esta os copiase a máquina ou nun ordenador.

Teño que confesar que a declaración dos rapaces me decepcionou. En vez de falar de detalles importantes, perdéronse en consideracións abstractas e aburridas. De maneira que nada dixeron de como eran os anxos, se axudaban na casa e ían facer  as compras voando, por exemplo, se lles gustabas as uvas ou se durmían no aire.

Tampouco dixeron en que consistía ese libro de dúas mil páxinas, pois o seu contido non se pode dar a coñecer ata dentro de cincuenta anos. Paréceme todo tan raro que non me estrañaría que estes rapaces estivesen sendo enganados por calquera pandilla de golfos sen escrúpulos, sen dúbida disfrazados. Só así se explicaría ese asunto enorme do libro, unha cousa tan gorda e desmesurada. Para explicar a vida, incluídos os sete misterios do home e do universo, a un anxo bastaríalle cunha soa palabra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de abril de 1995.