La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ademais dun mestre, José Luis Aranguren era para min un amigo querido. Compartín con el moitas horas, desde que a policía nos detivo no ano 1967 e nos mandou ao Tribunal de Orden Público. Aquela historia contouna el moitas veces nas súas conferencias, pero nunca falou, porque quizais non o sabía, da rabia que eu sentín cando o vin cos dedos enzoufados de tinta, no momento en que nos tomaron as marcas dactilares na ficha que nos abriron diante do público, mentres a xente nos miraba como se fósemos delincuentes.

Pareceume que non lle importaba, pois era home de espírito mozo. A última vez que estivo na casa, nunha cea agradable como todas cando el viña, díxome que tiña a ilusión de pasear en barco pola ría. Ao día seguinte, con máis de oitenta anos, pilotou un barquiño por primeira vez na súa vida, como se fose un rapaz, completamente feliz.

O trato con el era unha delicia, sempre tan cortés, aínda que ás veces, moi raramente, podía amosar un carácter do cal non carecía. Recordo unha vez a disputa que tivo coa súa discípula Amelia Valcárcel, tamén na casa, a propósito de Heidegger, a quen aquela atacaba duramente. A cousa rematou cun aloumiño, pedindo desculpas. En realidade non fixera máis que falar con máis présa que de costume. A contundencia del non estaba na voz, que nunca se lle alteraba, senón no corazón, que o tiña firme para as ideas e suave para as persoas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de abril de 1998.