La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para min, Bolonia ten varias vantaxes. A primeira, que é unha cidade moi fermosa, a pesar do cal está bastante alonxada dos circuítos turísticos. A segunda, que ten varios quilómetros de soportais, un elemento construtivo non só útil cando chove, que por fortuna non é o caso destes días senón tamén agradable para pasear polas noites, ao abrigo de ventos e resíos. Aínda podería engadir o asunto do tráfico, ordenado dunha maneira intelixente por un alemán que parece que sabe moito destas historias tan complicadas e que acertou coa solución.

Non obstante, un dos atractivos máis claros de Bolonia é a súa situación estratéxica, que a converte nun lugar ideal para facer excursións que non requiren moito tempo para desprazarse. Está preto de todos os lados. Venecia, Verona, Módena, Rímini, Florencia, Sierna, Pisa… Esa é a razón de que un poida aproveitar as tardes para ver algúns destes lugares e contemplar as moitas marabillas que garda.

O outro día, por exemplo, achegueime cos amigos ata Rávena, que se atopa a media hora de camiño. Os mosaicos das igrexas de San Vitale, San Apolinar e o mausoleo de Galla Placidia son, para o meu gusto, unha das cousas máis fermosas que teño visto na miña vida. Nunca mirei os turistas máis parados, observando e volvendo observar os mosaicos, sen esas présas a paso de carga con que se comportan noutros sitios. En fin, o ceo entrevisto por un buraco. Polo demais, en Rávena está a tumba de Dante, que morreu aquí, lonxe da súa querida Florencia. Por certo que en canto poña punto e final a este artigo, aproveitando a fin de semana, voume para alá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de abril de 1997.