La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moitos amigos repróchanme ás veces a visión positiva que teño dos Estados Unidos. Un deles, que me ten censurado cariñosamente por isto que el entende como unha extravagancia, pasoume onte a edición internacional do Herald Tribune do venres pasado co propósito de que lese unha noticia capaz de demostrarme o equivocado que estou. A verdade é que me conmoveu, pois é desas historias que parecen confirmar o tópico dunha América bárbara, ignorante, infantil e manipulada pola televisión.

Neste caso, a brutalidade empezou por culpa dun locutor de radio, moi popular en Texas, que dixo no seu programa diario que na biblioteca pública da cidade, nun lugar indeterminado dos estantes, entre as follas dun libro, esondera el dez mil dólares, máis de un millón de pesetas, que eran para quen os encontrase.

Unha multitude enlouquecida asaltou a biblioteca, empezou a subir polos estantes, arrincando as follas dos libros en busca do diñeiro escondido. O resultado foi o arrasamento do local e a destrución de miles de volumes. A estas horas a noticia debe estar dando a volta ao mundo como unha proba máis da estupidez norteamericana. Ignoro se os periódicos recollerán en cambio a explicación do locutor: el só pretendía que a xente fose máis á biblioteca. Ninguén lle negará que aínda sendo parvo, é un parviño culto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de abril de 1994.