La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola mañá, despois de almorzar, pecheime no estudio para comprobar se estaba alí, no lugar que máis ou menos lle correspondía, un libro que andaba buscando e que necesitaba consultar para facer un pequeno traballo. Como ocorre case sempre, non se atopaba no seu sitio. Na súa praza figuraba outro do cal me tiña esquecido e que abrín por curiosidade. Nada máis ler a primeira liña na que bateron os ollos por azar, quedei tan cativado pola lectura que xa non puiden parar ata a hora de comer.

O autor falaba do pintor Amedeo Modigliani, a quen coñeceu en París e con que compartiu horas de tertulia, nas que participaba tamén Jeanne Hébuterne, a muller daquel. A descrición das veladas pareceume espléndida, así como as alusións ás borracheiras, tanto que acabei buscando unha biografía do célebre artista italiano.

De pronto, xurdiu a sorpresa. A crónica que lin estaba datada en marzo de 1920 e a primeira conversa con Modigliani tivo lugar, segundo confesa explicitamente o autor, nese mesmo mes. Se non se trata dunha confusión, ten que ser unha mentira, pois Modigliani morreu o 24 de xaneiro daquel ano e a súa muller tirouse por unha ventá dez días despois, é dicir, un mes antes da suposta entrevista. Dada a calidade da reportaxe, inclínome pola mentira. No fondo importa tan pouco como as trampas que fan os ilusionistas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de abril de 1997.