La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte aproveitei un descanso despois de comer para baixar ata Segovia e dar un paseo polo centro da cidade. Metinme por unha rúa estreita e torta coa intención de visitar a casa de Antonio Machado, que recordaba moi vagamente, e acabei perdéndome. Por sorte, uns nenos que xogaban á pelota nunha praza solitaria guiáronme ata a vella pensión onde viviu o poeta durante doce anos, entre 1919 e 1932. Ao contrario do que me sucedera a última vez que estiven aquí, non había apenas turistas.

A pousada na que residiu Machado nos seus anos segovianos é unha casa modesta, incluso pobre. O escritor pagaba cinco pesetas e dispuña dun cuarto pequeno, sinxelamente amoblado, no que se conservan as cousas tal como estaban: unha cama, dúas cadeiras, unha estufa, un lavabo con palangana, un orinal e unha chuspideira.

Tanta austeridade a min non me produce ningún tipo de emoción romántica. O espírito, para desenvolverse en plenitude, non necesita pasar estas probas. É probable que Machado, se vivise con máis comodidades das que dispuxo en Segovia, nunha casa máis confortable, sen o frío do que se queixaba aos amigos, sería igualmente un gran poeta, sinxelo, fondo e melancólico, tamén honrado. O único que cambiaría con seguridade nada tería que ver coa literatura: que don Antonio o pasaría algo mellor na súa vida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de marzo de 1997.