La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu que viaxa con frecuencia por Arabia Saudí e outros países do contorno, non ten empacho, ou polo menos non o tivo nalgunhas ocasións, no pasado, para asistir á execución na praza pública de homes e mulleres condenados á morte. Confeso que a min me sería imposible. Unha vez, en Suecia, vin na televisión unha reportaxe sobre a pena capital no mundo, na que se ofrecían imaxes reais de fusilados, aforcados e decapitados, e despois pasei a peor noite da miña vida, que nin sequera puiden aliviar cando deixei o leito de madrugada, incapaz de durmir, e marchei a pasear eu só por unha praia próxima á casa.

Dicía outro amigo meu, este de sensibilidade contraria ao outro que citei antes, que el sería partidario de aplicarlle a pena de morte unicamente a aqueles que a defenden. Tiña un plan. Consistía en facer un censo de partidarios e contrarios, de maneira que aqueles que cometesen un crime, recibirían a pena merecida, segundo as crenzas.

Agora, en Arabia Saudí anuncian a execución dunha muller adúltera, que é algo tan bárbaro e desproporcionado como se aquí matasen a alguén por contar unha mentira. Lin nalgún periódico un artigo denunciando a brutalidade do procedemento, que consiste en matar a pedradas á condenada. A autora non debe saber que tamén neses países, igual que ocorre nos Estados Unidos, hai xa unha maior sensibilidade para estas cousas, de xeito que da mesma maneira que a inxección se vai impoñendo sobre a silla eléctrica, a lapidación xa non consiste en tirarlle centos de pedras á vítima ata matala. Afortunadamente, agora vén un camión con volquete e bótalle por riba, de golpe, dúas toneladas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de marzo de 2000.