La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se o Tío Perneta, de quen falei onte aquí mesmo, representou para min a maldade durante algúns anos da miña nenez, o señor Limia, veciño de Xinzo, encarnou nese mesmo tempo a imaxe contraria. Non recordo de que maneira o coñecín, pero o caso é que un día acabei falando con el na súa casa, nun cuarto cheo de papeis, no que pasaba horas e horas revolvendo entre cartas e periódicos. Daquela tiña máis de noventa anos. Ao principio, o único que me interesaba daquel home eran os contos que me contaba.

Andando o tempo, cando eu xa era adolescente e aprendera algunhas cousas no instituto, decateime de que a guerra da que me falaba aquel velliño simpático era a guerra de Cuba e  que o uniforme e as medallas que gardaba no armario tiñan a mesma procedencia. E que Winston Churchill era Winston Churchill.

Foi este último feito o que me moveu a escribir uns poucos folios e mandalos ao diario da capital, contando a historia fantástica dun centenario de Xinzo de Limia que coñecera ao político británico. Durante varios días fun un rapaz absolutamente desgraciado: o meu traballo non aparecía no periódico.

Unha mañá, en cambio, cando xa non o esperaba, levei unha das alegrías máis grandes da miña vida. Non tan grande, non obstante, como a do señor Limia, que non paraba de dicir: “Vedes como é certo que coñecín a Churchill?”

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de febreiro de 1995.