La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun dos picos da cadea montañosa que forman os Cárpatos en Ucraína érguese un enorme monolito de pedra, erixido no lugar hai máis de cen anos. Unha inscrición gravada ao pé proclama para o mundo enteiro a noticia de que alí se atopa o centro exacto de Europa. É un dos motivos de orgullo das xentes daquel país. Por esa causa manteñen agora unha disputa cos habitantes de Vilna, a capital de Lituania, que reclaman para si o mesmo privilexio, pese a que entre os dous puntos hai máis de mil quilómetros de distancia.

Non son os únicos. Os polacos, por exemplo, están convencidos de que o centro do continente cae de maneira inequívoca nun bosque próximo á cidade de Lódz, sinalado tamén cun monumento. Esta pretensión dos polacos bate, por outro lado, coa negativa indignada dos bohemios, seguros de que ese punto se atopa preto de Praga.

Non sei que dirá de todo isto Juanito Sanmartín, defensor do pobo de Euskadi, que paseando unha noite por Toledo quixo convencer a unhas suecas de que o centro do mundo pasaba por  Erandio. Nesta maneira de entender o orgullo nacional que teñen os pobres, hai tamén galegos que reclaman a condición de seren os últimos, é dicir, de ocupar o final da terra, no Finisterre atlántico. O malo é que tampouco nisto se pode ser facilmente os primeiros. Os portugueses din que a fin do mundo está no Cabo da Roca. E dan un certificado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de febreiro de 1995.