La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando falei aquí dese locutor de radio norteamericano que se dedica a insultar os negros, acordeime de Yigal Amir, o rapaz de vinte e cinco anos de idade que en novembro do ano 1995 matou a Isaac Rabin, primeiro ministro de Israel. Recordo perfectamente o seu discurso de xustificación e sobre todo o odio que lle inspiraba a figura da súa vítima, a quen consideraba como un monstro que non merecía seguir vivindo. Por iso acabou con el.

Durante moito tempo, os elementos máis radicais do xudaísmo, especialmente as xentes da ala relixiosa e intransixente do Likud, viñan dicindo en público que Isaac Rabin, partidario da paz, era un traidor e tiñan o país cheo de pintadas nas que se vía unha diana coa cabeza do primeiro ministro situada no seu punto mortal.

Tamén os rabinos máis importantes de Israel deron algúns pasos neste sentido, sobre todo cando fixeron unha consulta aos seus colegas de todo o mundo para que contestasen se os reponsables da política de permitir que os palestinos ocupasen territorios que Deus encomendara á custodia dos xudeus eran merecentes da pena de morte. Non coñezo a resposta, pero tendo en conta que houbo só un rabino que protestou pola morte de Rabin, podo imaxinala. Nas balas case sempre hai, ademais de pólvora, palabras.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xaneiro de 1998.