La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había na escola onde eu estudaba de neno un libro no que lin unha frase que se me gravou na memoria para sempre, en primeiro lugar porque empregaba un vocábulo que me parecía estraño, pero tamén porque falaba de algo que me resultaba sorprendente. A frase dicía: “Acontece ás veces que un pai intelixente teña un fillo tonto”. A palabra “acontece” non a escoitara nunca e que un pai listo tivese un fillo parvo non acababa de entendelo. Foi un dos primeiros enigmas que me produciron inquietude e que tardei tempo en resolver.

Paréceme recordar que o meu razoamento se artellaba arredor da idea de que se os fillos herdaban tantas cousas do seu pai, incluso o nariz e a color dos ollos, o lóxico sería que non se puidese producir nunca a castástrofe antinatural que anunciaba a frase. Non recordo, en cambio, ter levado este pensamento ata as súas últimas consecuencias: o incremento progresivo e imparable da intelixencia do mundo.

É unha lástima que non sexa certo. ¡Que gozo ver aos sabios superados polos seus descendentes xeración tras xeración! A realidade, non obstante, é outra e, polo que respecta ao talento, cada ser humano empeza de novo, como se fose el o primeiro habitante do mundo. Así, aqueles homiños ignorantes e primitivos que andaban a paus e a sachazos entre eles por culpa dos regos, non debían ser distintos destes que agora, transcorridos tantos anos de civilizacións, se negan a compartir os ríos e as augas cos veciños doutras terras.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xaneiro de 1993.