La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos, os viaxeiros que chegaban en avión de Europa a Nova York, nada máis desembarcar no aeroporto quedaban asombrados da devoción enfermiza que os americanos sentían pola televisión. Nas salas de espera, nas cafeterías e nos mesmos corredores que levaban dunha parte á outra daquela inmensa terminal aérea, víanse miles de persoas botando moedas sen parar nuns pequenos televisores individuais instalados nos asentos, totalmente concentrados na pantalla para seguir os seus programas preferidos.

Hai xa tempo que se deixou de ver este espectáculo. Alguén me dixo que foi a consecuencia dunha nova moda: eses aparatos portátiles que permiten escoitar música a través dun auricular. Polo visto, atan menos porque deixan os ollos libres e permiten observar o que ocorre arredor, incluídos os movementos dos cacos.

Para loitar contra esta deserción, os fabricantes de televisores acaban de presentar un aparato que combina as vantaxes dos dous sistemas: ver a televisión mentres se pasea ou se guía un coche. As primeiras probas, segundo lin onte pola tarde, non foron aínda moi satisfactorias, non pola calidade da imaxe, que parece que é fantástica, senón porque se trata dunhas gafas que obrigan a utilizar soamente o ollo esquerdo, mentres que o outro se emprega para mirar de fronte, o cal require adestramento. Haberá cola para facer cursos de aprendizaxe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xaneiro de 1995.