La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O amigo Paco Carro, que ás veces escribe neste mesmo periódico, acordarase dun empregado de comercio que había na Compostela dos anos sesenta, ao cal lle gustaba moito que lle contasen historias verdes, e daquel señorito compostelano, ocioso e simpático, morto despois nun accidente de automóbil, a quen lle encantaba contalas. Varias veces asistimos asombrados a aquel encaixe perfecto de conveniencias, no que un dos contertulios era feliz escoitando e o outro divertíase contando contos.

O xogo consistía en que os relatos pasaban por seren reais, baseados na experiencia fabulosa daquel señorito luxurioso. Resultaba fantástica a historia, que lle oímos contar en varias ocasións, dunha festa na que fora servida, depositada nunha bandexa de prata xigante, unha señorita espida cuberta de chocolate.

Acordeime deste postre cando lin onte nos periódicos a noticia de que un grupo de pilotos militares alemáns organizaron unha festa no cuartel, tamén con señoritas espidas, que en vez de ir cubertas de chocolate estaban untadas en aceite. Todo moi hixiénico e dietético, perfectamente preparado ademais por unha axencia profesional de congresos. Non imaxino aquel vello empregado libidinoso de Santiago relambéndose de gusto con esta historia. Un pode perder a cabeza polo chocolate, dificilmente pola ensalada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 1994.