La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O taxista venezolano do que falei aquí o outro día, ese ao cal lle pegaron no parabrisas unha multa que parecía unha saba, chamábase Arcelys. Non me soubo explicar respecto da súa orixe ou significado, a non ser que o levaba posto desde o nacemento. En xeral, en Venezuela abundan este tipo de nomes. Por exemplo, no hotel onde me hospedaba, na galleta de identificación que portaban no peito as empregadas, puiden ver Solmar, Cira, Merry, Neiffe e Karlinda.

Tamén observei que moitos homes se chaman como nas telenovelas que se ven aquí: Luís Raúl, Carlos Alfredo, Alberto Fernando e outros parecidos. Non atopei ningún Manuel. Unha periodista que me entrevistou para El Globo chamábase Vicglamar. Sorprendeulle moito que a min me sorprendese; parecíalle un nome normal. O que non lle parecía tan ben era a cor da súa pel, morena tirando a negro, supoño que mulata. Díxomo expresamente, entre bromas e veras, culpando á súa nai de se ter namorado dun moreno, como se na universidade non houbese brancos.

A verdade é que, mentres me entrevistaba, eu estaba pensando no fermosa que era, ademais de intelixente e simpática. Ela, non obstante, deixaba entrever o moito que lle gustaría ter a pel clara como as europeas. Atrevinme a dicirlle que moitas mulleres desas que ela admiraba, seguro que se deixarían cambiar por ter a cara e o corpo daquela fermosa cor de chocolate. Penso que o tomou por un cumprido. Non o era. En todo caso, as preguntas que me fixo deixaban entrever un espírito fino e unha gran cultura. Non sei, entón, de onde lle viña o complexo. Quizais do fondo da alma, alí onde a razón se perde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de novembro de 1997.