La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día andei paseando só polo monte, aquí perto da casa, aproveitando que facía un día magnífico, con pleno sol e non demasiado frío. Pasoume unha cousa curiosa e foi que, nun camiño, cruceime cun señor duns sesenta anos, gordo e con aspecto repoludo, que baixaba cantando todo contento. Nin sequera deixou de facelo ao chegar á miña altura, cando me saudou cun movemento cortés de cabeza e logo seguiu para adiante co seu canto nos labios. Houbo un momento en que sentín pena de min mesmo, ao decatarme de que dunha maneira inconsciente cualificara aquel home como tolo e non como alegre e feliz. Fixen como algúns suecos, que cando ven alguén rindo, pensan que está borracho.

No monte, pasei un tempo moi grato, máis que nada pola algarabía de paxaros que sentía ao meu arredor, algúns deles exhibíndose nas árbores e nos muros, sen medo, cousa que lles agradecín, pois xa teño contado aquí varias veces como con frecuencia, sobre todo nas cidades, me atopo con que hai xente que, se lle fago unha pregunta, foxe.

Durante o paseo, pareime varias veces a mirar, especialmente nunha paraxe fermosísima, desde a cal se divisaba a mar e as illas Cíes nunha panorámica espléndida. Como me sucedera co home aquel, tamén me crucei con algunhas persoas que me puideron ver coma un tolo, cousa que non me estrañaría, pois en realidade eu alí non pintaba nada. E menos mal que non lían os meus pensamentos. Porque naqueles instantes, eu levaba na cabeza a idea de que se Deus me estaba mirando desde o ceo, podía pensar tamén: “Alá anda este. ¿Que se lle perdería hoxe por aquí?”

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de novembro de 1999.