La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O doutor Cabaleiro Goás foi un coñecido psiquiatra humanista, sabio e de corazón desbordado. Residente en Ourense, desde moi pronto bateu coa miseria moral da emigración, que a el lle chegaba con frecuencia ao despacho en forma de tristeza ou melancolía. Iso sucedía cando a xente rebentaba de tanto sufrir e podía superar a vergoña de ir consultarse cun médico de tolos. Ao final da súa vida, o doutor Cabaleiro Goás tiña un avultado ficheiro onde se gardaban centos de historias protagonizadas por emigrantes e as súas familias.

Unha vez, nunha conferencia, eu vin como os ollos se lle volvían transparentes coa emoción cando contou unha anécdota da que fora protagonista principal o fillo dun matrimonio ourensán que traballaba en Suíza. O neno, un cativiño de seis anos, confiado ao cargo duns parentes, un día, na escola, buscou a un compañeiro solitario coma el e díxolle: “Se me queres, douche unha peseta”.

Durante anos, os emigrantes de toda España percorreron os camiños da Europa rica e co seu esforzo contribuíron ao desenvolvemento económico do país, que lles debe cousas que nunca se poderán pagar. Unha parte considerable do benestar do cal gozan hoxe eses mociños miserables que se dedican a perseguir estranxeiros está baseado no traballo e no sufrimento de homes e mulleres como estes, que un día tiveron que deixar a súa terra para poderlles dar de comer aos seus fillos. Igual que estes dominicanos e mouros agora tan odiados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de novembro o de 1992.

[1 peseta equivale a menos dun céntimo de euro]