La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Que o presidente John F. Kennedy levaba furcias á Casa Branca é unha noticia vella, que non vai sorprender xa a ninguén. As falcatruadas daquel home coñécense desde hai anos. Nun primeiro momento, cando se empezou a falar publicamente delas, a algunhas persoas pouco maliciosas puidéronlle parecer invencións malignas de escritores cotillas e malvados como Truman Capote, que foi un dos primeiros en contar historias pecaminosas do célebre presidente asasinado, pero hoxe en día ninguén dubida da súa veracidade.

O que probablemente sexa novo son algúns flocos relacionados con aquel asunto, que agora saen á luz no esperado libro de Seymour Hersh titulado O lado escuro de Camelot, a punto de aparecer nas librerías dos Estados Unidos e do que xa fala todo o mundo. Por exemplo, parece que as furcias eran ameazadas se dicían algo.

Non obstante, parece que un dos documentos que manexouHersh durante meses e que podía converterse nun grande escándalo, se é que aínda pode haber escándalos que merezan ese nome, ten todas as probabilidades de ser falso. Desde logo, o famoso periodista non vai facer uso del, en parte porque, mentres non se confirme a súa autenticidade, podería causarlle graves consecuencias tanto a el como ao editor. É dicir, que o problema non está na enormidade que se di, senón na pena que se pode pagar por dicilo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de novembro de 1997.