La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No gran cotilleo internacional, hai agora un libro sobre Mao Tse Tung que ofrece unha imaxe espantosa, parece que certa, do célebre político chinés. Está escrito polo seu médico, un home que o coñeceu na intimidade, e que desvela aspectos da súa privada bastante monstruosos. O malo non é que Mao non limpase nunca os dentes ou que lle tivese aversión ao baño, nin sequera que padecese desenfreo sexual, para o cal lle valían tanto as mociñas que lle preparaban como os guapos mozos da súa garda persoal.

O peor é a crueldade coa cal trata as xentes que se interferían no seu cariño e a perversión que foi sementando arredor del, un contorno no que era obrigado converterse nun mentirán sen escrúpulos para salvar a vida ou para evitar ser sepultado en calquera horrible prisión. É dicir, o contrario da moral que predicaba.

De todos os episodios que conta o doutor Li, o que semella máis descarado é o que lle sucedeu a He Zizhen, a terceira muller de Mao, que participou con el na Larga Marcha. Un día sorprendeu ao seu home na cama cunha actriz e armou un escándalo, durante o cal agrediu ao Gran Temoneiro. Este acusouna entón de actuar como unha muller rica nunha mala película americana, un argumento dun cinismo total. Despois culpouna de contrarrevolucionaria e mandouna a Moscova para ser reeducada, é dicir, meteuna nun sanatorio psiquiátrico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de novembro de 1994.