La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo na televisión sueca un debate sobre os dereitos dos animais, un asunto que alí se segue con interese desde hai anos. Despois de todo, foi naquel país onde apareceron os primeiros psiquiatras para cans. E respecto da sensibilidade que aquelas xentes teñen en relación coa bichería, eu aínda recordo o escándalo que se montou alá pola década dos setenta cando un parado denunciou a unha asistenta social porque esta, á hora de facerlle o presuposto e non incluír unha cantidade para a alimentación do gato, respondeu ás protestas do señor dicíndolle que se non tiña cartos para darlle de comer, que o matase. Finalmente, aireada a historia nos periódicos, a funcionaria tivo que pedir perdón.

No debate do que falo, había xuízos atinados e había tamén, como resulta inevitable neste tipo de discusións, algúns toliños. Un destes últimos, un rapaz delgado e con grans na cara, con aspecto de sufrir por levar o peso da humanidade ás costas, era partidario de respectar a vida de todos os animais, incluídas as moscas e os piollos, sen excepcións. Consecuente ata o final, propuxo que se ditase unha lei prohibindo o sacrificio de vacas, polos e porcos, así como a pesca de calquera clase de peixes ou mariscos.

Aínda máis, confesouse partidario de que se puidese meter no cárcere a quen comese un bisté. Sorprendeume que non incluíse no seu paquete os tomates ou o pan, pois as plantas e as árbores son tamén seres vivos. Sería espantoso que houbese unha máquina capaz de aumentar millóns de veces o que sucede nunha pota con auga fervendo cando se cocen as células dunha pataca; ou a guerra entre un antibiótico e as bacterias que nos infectan. A verdade é que se pode defender calquera postura. A min, o rapaz que defendía estas cousas caeume ben. Moito mellor, desde logo, que os candidatos americanos á presidencia, que aínda non superaron a fase primitiva de estar a favor da pena de morte contra as persoas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27  de outubro de 2000.