La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando estiven en Moscova no ano 1982, leváronme a visitar a tumba de Lenin, onde puiden ver a urna de cristal que contiña o corpo embalsamado do famoso personaxe. Sorprendeume o pequeno que era: un metro sesenta, segundo lería despois nunha prestixiosa biografía. Tamén me chamou a atención a placidez do rostro, en desacordo coa idea que eu tiña da dureza daquel home. O que máis me asombrou, non obstante, foi a devoción de miles de rusos que acudían a adoralo.

A cola, que eu vía todas as mañás cando saía do hotel, estendíase ao longo de varios quilómetros, día a día durante todo o ano, década tras década ata hai unhas semanas. A xente cumpría co rito e mesmo aturaba os privilexios dos recén casados que tiñan dereito a pasar primiero para deixar o ramo de flores da voda aos pés do morto.

O templo, como se sabe, acaba de ser pechado ao culto por orde do presidente Boris Yeltsin. Ninguén sabe aínda que vai ocorrer co corpo incorrupto do santo. Uns falan de enterralo definitivamente e mesmo hai un empresario sacrílego que o quere mercar para exhibilo polo mundo adiante. Non se entende ben como os comunistas, que pretendían acabar coas  relixións, permitiron esta. Pero compréndese menos que na Rusia de hoxe, onde hai liberdade de cultos, se peche a capela de Lenin.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24  de outubro de 1993.