La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei en que libro lin unha vez que as mazás do Paraíso eran encarnadas e que sabían mellor as que se collían pola noite, cando había lúa chea. Nunha das súas Sátiras, Horacio búrlase dun gastrónomo que invitaba a xabarín cazado cun lixeiro vento do mediodía. Postos a citar rarezas gastronómicas, nalgún tratado antigo de cociña fálase das excelencias das salchichas planas, máis ricas, polo visto, que as redondas, e feitas con fígado picado, pementa e sal, todo introducido en tripa de porco.

No capítulo das extravagancias, son ben coñecidas as de Trimalción, que nunha ocasión sorprendeu os seus invitados cun espectáculo de circo, como aquela cea na que mandou servir un xabarín que, despois de que lle fixesen un corte no lombo, deixou escapar do seu interior unha bandada de paxariños que se foron voando.

En Galicia, a cociña sempre foi máis simple que todo isto, aínda que temos tamén algunha elaboración de tipo fantástico,  como a costrada, que vén ser como unha empanada de cinco pisos, unha delicia que eu probei hai anos en Pontedeume, na casa duns amigos, e que me pareceu excelente. Non probei, en cambio, un prato que lle escoitei citar onte a García-Sabell e que, só polo nome, debe ser cousa seria: a tortilla de chourizos verticais. Non será necesario dicir en que consiste.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18  de outubro de 1996.