La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Houbo unha época en que tiven o propósito de traducir A illa do tesouro ao galego, pero entre unha prudente nugalla e outras circunstancias, o proxecto non chegou a realizarse. Na fase preparatoria, que sempre adoita ser a parte máis grande en calquera proceso, fun recollendo materiais, entre elas distintas traducións a outras linguas dese libro precioso. A que máis me gustou de todas foi a que realizou Gaziel, un prestixioso periodista español xa desaparecido que oculta o seu nome baixo ese pseudónimo.

Hai, non obstante, na tradución de Gaziel unha pasaxe curiosa que nunca conseguín aclarar. Na obra orixinal, cando o fidalgo e o médico falan co capitán Flint, aquel di textualmente que este era un filibusteiro tan terrible que “the spaniards were prodigiously afraid of him”, é dicir, que “os españois lle tiñan un medo enorme”. Non sei por que, Gaziel cambiou españois por holandeses.

É probable que o autor deste cambio non fose o tradutor, senón un censor estúpido calquera. Casualmente, polos anos en que se publicou esta tradución de A illa do tesouro tiven eu a oportunidade de ver unha folla de censura cinematográfica que dicía: “Suprímase voz que dice: Italia 3, España 1”. Non parece unha decisión moi diferente da que consiste en converter os españois en holandeses. Eran anos de patriotismo desenfreado e os patriotismos desenfreados, ás veces, levan a estas cousas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15  de outubro de 1992.