La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo exactamente en que ano foi, aínda que teño a impresión de que debeu ser a finais da década dos setenta. Nunha das miñas visitas a Estocolmo, estiven na casa do escritor Artur Lundkvist, que daquela tiña fama de mandar moito na Academia e decidir coa súa autoridade unha boa parte dos premios Nobel de literatura de cada ano. Polo pouco entusiasmo que sentía pola persoa e a obra de Borges, de quen falamos aquel día, souben que ao escritor arxentino lle ía ser moi difícil obter o arelado galardón.

En cambio, non recordo se naquela ocasión ou nalgunha outra posterior, saín convencido de que un candidato firme para un futuro máis ou menos inmediato era Octavio Paz, como así sucedeu uns anos despois. Lundkvist falaba con tanta admiración do poeta mexicano que non resultaba aventurado adiviñar o que pasou.

Daquela, eu díxenlle que non se entendía ben por que estraña razón non lle deran aínda o Premio Nobel a ningún escritor portugués. Lundkvist miroume cos seus transparentes ollos azuis de campesiño inocente e preguntoume se había algunha figura importante na literatura portuguesa contemporánea. Cando lle apuntei o nome de Miguel Torga, pediume que llo escribise nun papel e confesoume que non o coñecía. Non sei se as cousas terán cambiado moito desde entón, pero temo que non. Saberémolo hoxe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13  de outubro de 1994.