La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Neste mesmo periódico de hoxe publícase a entrevista que lle fixen hai uns días na súa casa da Coruña a Domingo García-Sabell. Nela falamos, entre outras cousas, dun asunto que sempre me preocupou: o sufrimento dos inocentes. A primeira vez que batín con ese tema foi cando lin a novela A peste, de Albert Camus. Como recordarán os lectores desa obra excelente, a peste que se adona da cidade é interpretada polo P. Paneloux, sacerdote xesuíta, como un  castigo merecido. O doutor Rieux, en cambio, non comparte esa opinión. Un día, despois de fracasar no intento de salvar un neno, no momento de saír do cuarto do hospital onde aquel acaba de morrer, o médico dille ao sacerdote: “Padre, polo menos este era inocente”.

Négome a aceptar que un Deus que é todopoderoso permita o sufrimento dun neno. Eu, que son un pobre mortal cheo de pecados, sería incapaz, se de min dependese, de consentir con esa perversión malvada. Tampouco consigo entender facilmente iso que din os teólogos modernos: que Deus non se mete nesas cousas.  Esta hipótese está mellor, pero non chega.

En realidade, nin sequera fai falta pensar nos inocentes. Ningunha persoa debía sufrir, incluso os adultos. Se isto resulta inevitable e forma parte da vida, poderíase imaxinar un mundo que estivese mellor feito, polo menos no que respecta aos dolores corporais e ás miserias físicas. Non é necesario ter moita imaxinación para pensar como podía ser ese mundo: que os pais non tivesen que pasar polos hospitais nin os fillos, e menos cando isto ocorre na mesma familia. Digo máis: que non houbese esas outras dolores que non afectan ao corpo, pero que morden na alma con dentes de lobo, como son os males que causa o amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10  de outubro de 1999.