La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día 18 de agosto pasado, pola mañá, nunha rúa do centro de Hollywood xuntouse un grupo bastante amplo de persoas para esperar a fin do mundo. Eran seguidores de Criswell, un individuo que fixo esa predición algún tempo antes de morrer, no ano 1982. Este señor adiviño foi moi popular nos Estados Unidos alá polas décadas dos sesenta e os setenta: dispuña dun programa de televisión con moita audiencia, ademais de que publicaba libros de éxito nos que se dedicaba a anticipar o futuro. Segundo as súas contas, un meteorito tiña que destruír Londres en 1988, a Fidel Castro ía matalo unha muller o día 9 de agosto de 1970, e a capital dos Estados Unidos pasaría do distrito de Columbia a unhas cavernas de Wichita, en Kansas.

Case todas as predicións, como ocorre xeralmente neste tipo de cousas, eran desgrazas, incluso o aumento da pena de morte para determinados grupos sociais. Non obstante, había tamén algunhas boas noticias, como a presenza de señoras embarazadas na lúa e a chegada de xente doutros mundos, aínda que non se sabe se virían en son de paz ou de guerra.

Con todo, a predición máis marabillosa de Criswell foi a que prevía, exactamente para o ano 1981, unha auténtica revolución no caso da medicina e da cirurxía: para esa data, os americanos necesitados dun transplante de ril, de corazón e mesmo de cerebro, non se verían obrigados a pasar por unha longa e difícil operación nun hospital, senón que conseguirían eses órganos nunha máquina como as que hoxe se utilizan para mercar tabaco nos bares e nas cafeterías. Así como non resulta fácil aceptar que Londres puidese desaparecer ou que a capital acabase nunhas cavernas, isto dos transplantes parece posto en razón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de  setembro de 1999.