La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A miña tía Elvira, que debía ter vocación de cura porque lle gustaba moitísimo participar nas misas en voz alta, como se fose predicadora, era moi coidadosa coa inocencia dos pequenos. Cando estaba de tertulia coas amigas e andabamos os nenos arredor, se alguén falaba de algo que ela estimaba que non debiamos escoitar, pronunciaba unha frase que automaticamente puña as nosas antenas en garda, dispostos a non perder detalle: “Hai roupa tendida”. Desa maneira prestabamos atención a cousas que, en caso contrario, pasarían inadvertidas.

Unha versión laica e moi intelixente dese costume doutro tempo vina o outro día en Vigo, mentres tomaba café na terraza dun bar. Nun momento, pasou por diante un coche pequeno pero aparatoso, coas ventaniñas baixas, unha música atronando, mesmo como se fose unha discoteca, e un condutor con gafas de sol, moi orgulloso non sei de que, quizais do zafarrancho que metía. Unha señora que estaba preto da miña mesa, acompañada dun neniño, cando viu que este quedaba mirando para o coche, díxolle: “Dile al señor del bar que quieres más patatas fritas”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de  setembro de 2000.