La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Quizais o lin nalgún sitio ou talvez mo contou alguén, pero tiña para min que na película Casablanca, as escenas finais no aeroporto están rodadas con maquetas de avión, o cal obrigou a contratar como empregados a uns poucos ananos para gardar as proporcións. Ese era o asunto que máis me intrigaba na madrugada do xoves ao venres, cando me sentei diante do televisor para ver unha vez máis a famosa cinta. A estas alturas, con tanta xente que sabe os diálogos de memoria, resulta moi difícil sacarlle algo de zume ao mítico filme.

Non obstante, non puiden escapar ao engado doutras veces. Cando o maior Strasser, o oficial nazi que manda a guarnición militar acantonada en Casablanca, lle pregunta a Rick cal é a súa nacionalidade e este lle responde cinicamente “son borracho”, aínda que esperada, a resposta garda a frescura audaz de sempre.

O resto entra dereito no corazón. En primeiro lugar, a música e a letra da canción do negro Sam. Despois aquela frase fermosa de Rick cando se atopa con Ilsa e ous dous recordan con nostalxia o amor vivido en París: “Os alemáns ían de gris e ti ías vestida de azul”; ou as palabras dela, que o observa pensativo: “Un franco polos teus pensamentos”. Así ata o final. Nese momento, nas escenas do aeroporto, Ingrid Bergman estaba tan fermosa chorando no medio da néboa que me esquecín por completo de comprobar o asunto dos ananos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de  setembro de 1994 .