La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo na televisión un señor que se dedica ao deseño, unha arte na que chegou a ser figura internacional. Empezou dicindo que xa cando era neno experimentaba un  desacougo incómodo se os regalos que recibía non eran fermosos. Por ese motivo, unha vez rachou un cabalo de cartón que se parecía a unha cabra e noutra ocasión tirou pola ventá un camión que estaba mal pintado. Por razóns semellantes,sendo adolescente, un día negouse a compartir a mesa cunha invitada dos seus pais só porque era fea e ía mal vestida.

Seguindo coa mesma liña filosófica, o artista asegurou que unha das desgrazas da súa vida foi esa paixón pola beleza: pasou anos mercando obxectos inútiles, seducido pola graza de moitos deles, e saíndo con mulleres absolutamente insoportables, atrapado pola fermosura dunha cara, duns ollos ou dun corpo.

O curioso é que o citado individuo a min pareceume feísimo, aínda que nestas cuestións nunca hai criterios obxectivos. Tampouco me deu a impresión de que vestise con gusto, entre outras cousas porque levaba unha gravata verde fosforescente que se mataba coa color encarnada da chaqueta. Por último, amosaron un coche deseñado por el, que o propio autor se encargou de gabar. Ese auto xa o vira eu un día, camiñando diante do meu. A verdade é que tiven a  sensación de que por detrás parecía o cu dun polo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de  setembro de 1994 .