La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, nos Estados Unidos, apareceu unha moda entre os rapaces novos que consistía en estar metido todo o día na casa e saír de noite a facer o papón polos parques e xardíns. A iso das doce enchíanse estes de tipos pálidos e solitarios, con frecuencia mirando para o ceo ou dando pequenos paseos en silencio, sen falaren uns cos outros, como fantasmas. Era xente pacífica e absurda. Non recordo agora a explicación que lle daban os expertos ao fenómeno, pero algo tiña que ver con algún cabreo ou desencanto vital.

O domingo pasado tiven que erguerme cedo para ir ao aeroporto e descubrín que ás sete da mañá hai por esta zona onde vivo grupos de rapaces que se parecen bastante a aqueles americanos: cuadrillas enteiras de mozos arrimados contra as paredes ou desprazándose cansos pola beira das rúas, esperando os autobuses.

Son os clientes máis teimudos das discotecas do sábado. Algúns deles, aos que lle puido o cansazo, volven para a casa, pero aqueles outros aos que aínda lles quedan forzas corren cara ás salas que non pechan ata as nove da mañá. Ignoro cal será a explicación que lles darán a este comportamento os que entenden destas cousas, pero estou seguro de que entre as razóns non ha figurar ningunha que diga que, ademais de todo, tramén se trata dun disparate. Por moito que durmir os sábados sexa un acto culpable e aburrido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de agosto de 1994.