La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, revolvendo entre os moitos cachivaches que fun xuntando nos días que andei de viaxe por Europa, atopei un pequeno icono que merquei en Moscú, creo que nun deses mercados chamarileiros que abundan nas rúas do centro da cidade. Gustoume, en primeiro lugar, porque era pequeniño. En segundo, porque era antigo e tamén fermoso. Ignoro que valor poida ter e tampouco me importa, porque non o comprei para vender, senón para gozar mirándoo. Polo aspecto debe ter xa moitísimos anos. E tamén polo gastado que está.

Ten o aspecto dun relicario con dúas portiñas. No centro, unha figura que semella O Salvador, cunha lenda en alfabeto cirílico que resulta ilexible. Na folla interior de cada porta, aparecen seis figuras máis, supoño que santos, que tampouco se poden recoñecer. Con todo, non é a beleza do icono o que me fascina, senón a súa historia, as mans polas que pasou, os bicos que recibiu, as oracións que escoitou. Fosen quen fosen os seus donos, acordareime deles para que sigan vivindo un pouquiño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xullo de 2000.