La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cóntame un amigo que en cuestión de chuvia provocada polos santos, un dos máis efectivos que el coñece é un san Pancracio que veneran nunha parroquia de aquí cerca, na montaña. Non se lle sabe dun só fracaso. Máis aínda, entre a invocación do seu favor e a caída das primeiras pingas de auga non pasan nunca arriba de dez ou doce horas, mesmo que a seca fose longa e pertinaz. Como resulta lóxico, o santo ten moitos devotos, aínda que limitados á comarca onde reside, pois non opera a distancia.

A intercesión require bañar a imaxe do patrón nunha poza que existe na parroquia e que ten a virtude de non secar nunca, mesmo que a chuvia falte durante meses. O día elixido para facer o rito, a xente acode á igrexa, escoita unha misa e despois vai en procesión ao lugar do baño. Con seguridade, ao día seguinte chove.

O meu amigo, que é pouco crédulo e un punto irreverente, asegura que o prodixio consiste en que o cura da parroquia nunca decide sacar o santo ata que, grazas á televisión e aos periódicos, está certo da chegada inminente dunha borrasca. Non digo que non sexa certo, pero penso que neste tipo de cuestións hai que ser prudentes. Tendo en conta a escasa fiabilidadade dos partes metereolóxicos, como todos temos comprobado, sería moi difícil de acertar o prognóstico sen expoñer ao santo a facer o ridículo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xullo de 1994.