La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Agora mesmo, cando aparece aquí este artigo, estou a punto de embarcar nun avión rumbo a Estocolmo. De todas as cidades europeas que coñezo, esta é, xunto con Venecia, unha das que probablemente teño percorrido máis veces. Por certo que os  suecos son moi dados a comparar ambas as dúas, máis que nada polo feito de que a urbe italiana está sulcada por canais, mentres que a nórdica está situada sobre un arquipélago. Aí acaban as similitudes: nada hai en Estocolmo que recorde o café Florian, o Harry’s Bar, o hotel Danieli ou o restaurante Alla Colomba, lugares ideais para vivir un soño romántico. Pero Estocolmo ten tamén as súas  cousas.

En primeiro lugar, durante o verán, ten a luz. Non me refiro só á duración do día, que practicamente se estende ao longo de vinte e catro horas, senón á color. Non coñezo nada igual, a non ser as noites brancas de San Petersburgo e determinados solpores, entre lusco e fusco, na costa do norte de Lugo, de Viveiro a Ribadeo. É dunha luz misteriosa, como de leite, capaz de facer que nos namoremos do ceo.

Naturalmente, Estocolmo ten moitos máis atractivos. Un deles, sen dúbida, os seus habitantes. Non creo que haxa ningún outro país en Europa, con excepción quizais de Holanda, onde a xente sexa tan agradable e tan correcta no trato, autenticamente  exquisita. O cal non quere dicir, non obstante, que se poidan iniciar relacións amigables con facilidade, entre outras razóns porque se trata, polo xeral, de persoas tímidas, algo retraídas e non demasiado faladoras. Ademais de todo isto, están, por suposto, os monumentos, que os hai e moi fermosos. O que ocorre é que iso abunda en todas as cidades. O da amabilidade da xente é máis raro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xuño de 1999.