La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O raposo e a puñeta

O martes, cando volvía de Ourense pola noite, vin o raposo no alto de Fontefría. Foi só un momento, porque atravesou a estrada como un raio e xa se perdeu deseguida entre os piñeiros do monte. A pesar de que a visión durou apenas un instante, pareceume que era vellote e que estaba gordo. Se soubese a simpatía que sinto pola súa especie, seguro que podía aforrar o medo que debeu pasar para fuxir de min, que non tiña intención de meterme con el. Nin sequera aínda que me roubase unha galiña.

Eu sempre me levei ben co raposo, xa desde neno. Con todo, a primeira vez que vin un galiñeiro destrozado, alá en Sabucedo, na casa de Cándida de Antonio, pensei que o autor daquel estropicio debía ser un bicho horroroso, feo e ruín. Como nunca me atopara con el en persoa, imaxineino como unha fera anana e rabuda, malísima.

Un día, no lugar da Fontemoura, un grupo de homes armados con paus e acompañados con cans, buscaban un raposo que levaba tempo causando unha gran mortandade na  comarca. Os rapaces observabamos a batida desde o alto dun muro, esperando que os paisanos acabasen coa alimaña. De súpeto, entre os toxos saltou unha cousa pequena e graciosa, buscou un oco e alá se foi correndo como alma do purgatorio. A min deume a risa; a el faltoulle só pararase un instante, dar volta e facernos unha puñeta rotunda e sonora.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xuño de 1995.