La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei o día de onte en Barcelona, onde tiven que dar unha conferencia na universidade, invitado polo meu amigo Basilio Losada, catedrático naquela casa. Aproveitei para pasear, visitar un par de librerías e facer tertulia con algúns compañeiros que andaban por alá. Divertímonos nas Ramblas, que sempre se pareceron a un teatro e que agora teñen todo o aspecto dun circo no que se ven pallasos, cantantes, marionetas, músicos, saltimbanquis, mimos e loros. Todo gratis, a non ser a vontade.

Non coñezo ningunha outra cidade de Europa que teña tanta festa xunta. Cada dous por tres fórmanse grupos de curiosos, non só turistas, segundo se desprende das aparencias, que fan roda arredor dalgún espectáculo. É unha boa maneira de guiarse. Xeralmente, se un se achega a un deses sitios, non queda decepcionado.

O que me chamou a atención foi que, nun deses grupos, a xente miraba para o ceo. No alto dunha casa, paseándose po la beira do tellado, entre unha varanda de pedra e o abismo, estaba un can. Víase que non podía saltar cara a dentro e que buscaba desesperadamente como saír daquela situación. Os miróns especulaban: saltará, non saltará… Por fin apareceron os bombeiros, acercáronse a modiño e colleron o animal. Nese momento todo o mundo se puxo a aplaudir. Eu non sei por que non aplaudín.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de maio de 1997.