La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que trataron a Edmundo Estévez, máis coñecido como Alambritos, recordarán del a súa simpatía, o mal xenio que tiña e o antifranquismo profesional que gastaba. Para denigrar ao xeneral, valíalle calquera pretexto, incluída a choiva ou a sequía, segundo lle conviñese. Dos escasos minutos que pasou con el, cando Estévez era gobernador civil de León, en tempos da República, gardaba un anecdotario inmenso, destinado a ponderar a pouca intelixencia e a ruindade espiritual do seu inimigo.

Para remachar a opinión que lle merecía o ditador, un día fíxome unha profecía que por fortuna nunca se cumpriu, polo menos ata agora. Dixo que chegaría unha época, que pola miña idade eu estaba condenado a vivir, na que o país se iría desfacendo aos poucos. Mesmo sería inevitable andar polas rúas cun casco na cabeza.

Chegara a esa conclusión por un razoamento lóxico aplastante: tendo en conta que todo o mundo roubaba, acabarían caendo as casas. E así todo o demais, é dicir, os postes eléctricos, as pontes, as presas… Aínda hoxe, cando saio da casa polas mañás e escoito a xente falando indignada pola radio, ás veces recordo o vaticinio do meu amigo. Se a pesar de todo non se produce a catástrofe é porque as persoas, incluídos os políticos, son razoablemente honestas. Descontando os senvergonzas, por suposto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de maio de 1994.